Thursday 02 de May de 2024

Proxección do documental 10 DE MARZO, este venres na Fábrica


Coincidindo co aniversario dos feitos acontecidos en Ferrol no 1972, que deron pé ao establecemento do Día da Clase Obreira Galega, este venres proxéctase na Fábrica o documental 10 DE MARZO, ás 20:00 horas. A entrada é libre e gratuíta.

A raíz da negociación do convenio da Bazán Ferrol miles de traballadores do estaleiro saen en manifestación o 10 de marzo de 1972 á mañá polo centro da cidade. A Policía Armada tenta interceptar a marcha, e ante a resistencia dos obreiros dispara sobre a manifestación, co resultado de ducias de feridos de bala e dous traballadores mortos: Daniel Niebla e Amador Rey.

O filme aborda todo o proceso de penetración das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, a negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado “Proceso dos 23” no que os principais protagonistas foron xulgados tres anos máis tarde.

Estes feitos supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega, un avance na toma de conciencia da mesma e da oposición á ditadura. Pola súa transcendencia para o noso país, merecen ser plasmados nunha obra audiovisual. Alén diso, o alto grao de heroísmo, violencia e traxedia contidos nos mesmos, faino moi atractivo cinematograficamente.

Dirixido por Roi Cagiao, o Concello de Oleiros colaborou na produción deste documental.